Uso dos costavales en troca de produtos ou servizos

Os comercios, empresas, profesionais, particulares ou organizacións de calquera tipo que participen no sistema dos cv poderán entregar produtos ou servizos aos seus clientes ou usuarios en troca da entrega de costavales. Os vales poderanse aceptar para pagar o total ou unha parte dunha compra ou contratación de servizo, a xeito de desconto, segundo desexe cada entidade aceptadora.

Os costavales terán un valor de troca ou de desconto equivalente a 1 euro: é dicir, 10 costavales deberán ser trocados por un valor en produtos ou servizos igual a 10 euros, ou dito doutra maneira, servirán para ter un desconto por ese importe na compra deses produtos ou servizos. Así, por exemplo, 10 costavales (é dicir, un vale que teña impreso como valor “10 costavales”) servirán para ter un desconto por un importe de 10 euros na compra dos produtos ou servizos que venda a entidade participante.

As entidades participantes deberán indicar de maneira públicamente accesible, clara e previa a calquera compra:

  • Que aceptan cv.
  • Cantos cv aceptan por cada produto ou servizo, ben sexa expresado como tanto-por-cen ou como cantidade.
  • En que produtos e servizos aceptan o pagamento en cv e en cales non, e se hai diferenza nos cv que aceptan en cada tipo de produto ou servizo.
  • Calquera outra condición referida á súa aceptación dos cv: p.ex. se só se aceptan a partir dunha compra mínima, ou se hai un máximo de cv que aceptan por factura ou por cliente.

Exemplo: unha libraría pode indicar, mediante un cartel ben visible no seu local, que acepta 50% de pagamento en costavales en todos os produtos de papelaría e un 15% na compra de libros, cun límite máximo por compra de 100 costavales.

Calquera modificación na cantidade de costavales que acepte unha entidade deberá ser comunicada previamente aos seus clientes de calquera maneira que sexa pública e efectiva, p.ex. mediante un cartel no seu local. Estará así mesmo obrigada a comunicalo por escrito á ACv, aceptándose a comunicación por correo electrónico con acuse de recibo. As modificacións terán efecto inmediato en canto sexan comunicadas á ACv.

As entidades aceptadoras deberán pagar unha cota única de entrada no sistema á sinatura do CASCv e que será de 25 euros.

Se unha entidade quere deixar de aceptar totalmente os cv deberá comunicalo previamente á ACv (cunha antelación dun mínimo de 15 días) nas condicións estipuladas no CASCv e, unha vez trascorridos os 15 días tras a comunicación da baixa, poderá converter os cv que posúa nese momento, baixo as condicións vixentes de convertibilidade. Unha vez deixe de participar no sistema como entidade aceptadora xa non poderá convertelos aínda que poderá seguir a usalos se así o desexa como medio de pagamento con outros participantes. De feito, un comercio podería aceptar os cv sen asinar o CASCv pero nese caso sería un usuario máis e non tería dereito á conversión a euros. Durante ese periodo deberá tamén satisfacer as obrigas que puidesen quedar pendentes coa ACv.

VOLVER AO ÍNDICE