Previsión de situacións externas que poidan afectar á convertibilidade e respaldo en euros dos costavales

Aínda que a ACv fará todo o que dela dependa para facer cumprir con rigor as presentes normas, existen circunstancias fóra do seu control, derivadas da situación financeira internacional e española, que poderían afectar algún aspecto delas, nomeadamente a conversión e respaldo dos cv en euros. Así, a ACv fai notar que unha posible depreciación do euro, o abandono do euro por parte do Estado Español, unha quitación sobre os depósitos en euros ou calquera outra medida de política monetaria ou fiscal derivada dos aspectos financeiros da Crise mundial ou doutras situacións que se poidan dar no futuro podería afectar á convertibilidade a euros dos costavales. En consecuencia o presente Regulamento recollerá neste artigo as normas aplicables nalgúns dos casos posibles, aínda que sexan improbables, para maior seguridade, protección e confianza dos usuarios e participantes no sistema dos costavales. Porén, e dado que non podemos prever o 100% de situacións monetarias que se poden producir no futuro, a ACv ten que reservarse necesariamente o dereito a modificar e ampliar estas normas no futuro para recoller esas situacións e adaptar o sistema dos cv a elas. Remitímonos ao art. 11 referido ás modificacións do Regulamento para determinar cómo se realizarían. As situación que prevé inicialmente este Regulamento son as seguintes:

  • Se se produce unha depreciación do euro, tamén se producirá automática e implicitamente unha depreciación do valor de troca dos costavales.
  • Se o Estado Español abandona o euro como moeda oficial, os costavales postos en circulación ata ese momento poderán seguir sendo convertidos a euros, e as novas emisións realizaranse coa nova moeda española como referencia, da maneira que será reflectida nun Regulamento adaptado ao novo marco monetario.
  • Se o goberno español decreta unha quitación fiscal sobre os depósitos, isto afectaría ao FGCv no caso de estar depositado nunha conta bancaria. Automática e obrigadamente a convertibilidade a euros quedaría mermada nese mesmo tanto-por-cen. É dicir, se a quitación ou confiscación é do 5%, os costavales en circulación nese momento pasarían de ser convertibles nun 90% a un 85%.
  • Se se decreta un corralito sobre os euros depositados en contas bancarias españolas, a convertibilidade de cv a euros veríase limitada na mesma medida que indicase o goberno para calquera outra conta corrente ou depósito bancario.

VOLVER AO ÍNDICE