Conversión dos costavales a euros

Os vales seran convertibles a euros, pero só terán dereito a facelo aqueles comercios, negocios e outras entidades aceptadoras que asinen o CASCv. Os usuarios particulares só poderán utilizalos para pagar nos comercios ou doutras maneiras, pero non recibirán euros en troca deles por parte da ACv.

Aínda que é do interese de todos os usuarios do sistema costavales que estes circulen o máximo posible na súa función de desconto en compras, a entidade participante terá dereito, en calquera momento, a recibir euros en troca dos seus costavales, se así o desexar: por exemplo se non dá utilizado os costavales que posúa para comprar noutras entidades participantes.

A ACv será a encargada de realizar as conversións autorizadas, entregando os euros correspondentes ao 90% do valor nominal dos vales, indicado en número e letra nos propios vales. É dicir, se un comercio quere converter en euros por exemplo a cantidade de 100 cv, a ACv entregaríalle en troca 90 euros ben en metálico no momento de presentar os costavales para conversión ou ben mediante trasferencia bancaria realizada nun prazo máximo de 8 días naturais, sen custo para a entidade que solicitar a conversión, en caso de non dispoñer no local da cantidade de euros requirida.

A función desta diferenza entre o valor nominal dos vales e os euros que se entregan é dupla:

  • Anima a que circulen os vales entre as diversas entidades e usuarios do sistema, sen seren convertidos a euros.
  • Permite que a ACv dispoña dese 10% de diferenza para cubrir os gastos inherentes á administración e promoción do sistema.

Para simplificar a xestión, as conversións só se permitirán en múltiplos de 50 costavales e deberán ser solicitadas presencialmente no local da ACv ou estabelecementos delegados que se poidan abrir no futuro noutros concellos da Costa da Morte. As conversións poderán realizarse coa frecuencia que a entidade participante desexe.

Por exemplo: se a entidade participante quere converter en euros a cantidade de 100 costavales, a ACv entregaríalle en troca 90 euros ben en metálico no momento de presentar os costavales para conversión ou ben mediante trasferencia bancaria realizada nun prazo máximo de 8 días naturais, sen custo para a entidade que solicitar a conversión, en caso de non dispoñer no local da cantidade de euros requirida.

VOLVER AO ÍNDICE