Maneiras de conseguir costavales

Os usuarios poderán facerse con vales de diversas maneiras. En principio calquera entidade aceptadora que dispoña de vales poderá entregalos a outras organizacións ou particulares libremente e da maneira que considere máis axeitada e nas condicións acordadas libremente entre eles. Só aquelas outras entidades que acordaran libremente coa ACv a aceptación dos costavales estarán obrigadas a aceptalos, pero esta obriga será sempre relativa ás condicións estabelecidas tanto neste Regulamento dos Costavales como nos diversos puntos dos contratos asinados; poderán aceptalos a xeito de desconto nuns produtos si e noutros non, e cos límites que queiran, sempre e cando estean claramente visibles e poidan ser coñecidos anticipadamente polos usuarios dos costavales.

As maneiras de uso aquí enumeradas poderán ser adaptadas e ampliadas no futuro, e só se citan a efectos de exemplo:

  • As asociacións culturais ou veciñais poderá entregalos a xeito de gratificación ou compensación ás persoas que colaboren con elas en labores sociais, culturais, etc. Débese ter en conta, porén, que as persoas que reciban vales en troca dos seus labores non poderán ser considerados a efectos legais como voluntarios, pois a Lei do Voluntariado esixe que o traballo voluntario sexa gratuito e que non se perciba “contraprestación material” algunha (Tít. II, art. 7), a non ser pagamentos por dietas e reembolsamento de gastos realizados durante as actividades de voluntariado.
  • Tamén as empresas poderán entregalos como estipendio ou propina por traballos ocasionais que non se consideren legalmente como traballo asalariado, ou a xeito de pagamento en especie aos seus traballadores, previo acordo con eles. Deberán consultar coas súas asesorías en qué casos se poden empregar os vales destas maneiras e con qué condicións.
  • Os comercios poderán entregalos como agasallo aos seus clientes, a efectos de fidelización, exactamente igual que farían cun vale de desconto normal. Tamén poderán entregárllelos como volta (cambio) dun pagamento dunha compra, sempre que o/a cliente llos aceptar.
  • Calquera entidade que os posúa poderá entregalos como premio en sorteos ou rifas que realice entre os seus clientes, usuarios, colaboradores, etc.
  • A AESC poderá entregalos ás empresas e comercios membros como unha especie de subvención ou doutras maneiras.

Asemade de todas estas entregas libres e gratuitas, existe unha maneira básica de obter costavales e que constitúe a maneira fundamental na que estes comezan a circular: entregando tantos euros á ACv como cv se desexe obter. Calquera particular, empresa u outro tipo de organización poderá así obter tantos cv como desexar, aceptando implicitamente nese acto as presentes condicións descritas no Regulamento.

Este troco de euros por costavales realizarase principalmente no local da ACv. No futuro poderían estabelecerse outros puntos de troco distribuídos polos diversos concellos da Costa da Morte que participen no sistema, que serían axeitadamente comunicados ao público por medio das canles habituais da ACv. A ACv tamén poderá acudir a feiras e outros encontros para realizar in situ a venda dos vales.

A ACv é a única entidade autorizada a imprimir, poñer en circulación e cuñar costavales.

En resume o proceso de posta en circulación dos cv é como segue:

  1. A ACv imprime unha determinada tiraxe de costavales numerados que deixa sen asinar e sen cuñar ata que sexan postos en circulación.
  2. A ACv vai poñendo en circulación os vales, previa sinatura e cuñaxe oficial, a medida que particulares, ela mesma ou outras entidades os demandan e entregan euros en troco con esa finalidade.
  3. Os posuidores dos cv van facendo que circulen das diversas maneiras descritas: entregándoos como agasallos, estipendios, subvencións, axudas ou premios; entregándoos para obteren descontos nas entidades aceptadoras; etc.

VOLVER AO ÍNDICE