Caducidade e cuñaxe periódica
Os vales levarán impresa unha data límite de uso, despois da cal non terán validez, é dicir non deberán ser aceptados en ningunha entidade participante nin poderán ser convertidos a euros. Os posuidores de vales caducados ou a piques de caducar deberán trocalos por outros vales novos na ACv sen que esta operación lles supoña gasto algún. Isto restará interese a unha posible falsificación e axudará a manter un control sobre a cantidade total de vales en circulación, xa que se poderá comprobar periodicamente cantos dos emitidos seguen en circulación e cantos teñen desaparecido, p.ex. por seren retirados da circulación por turistas que os conservaren como souvenir.
Asemade, durante o seu periodo de validez cada vale deberá ser periodicamente levado a cuñar á ACv. O vale ten polo seu reverso un espazo para lle estampar un cuño cada 6 meses. Os vales que non teñan os seus cuños ao día non serán válidos a efectos de troca nin a efectos de convertibilidade a euros. Os vales deberán ser levados polos seus posuidores a cuñar dentro do prazo válido de selado. Cada 6 meses o tipo de cuño será diferente, para facer aínda máis difícil a falsificación.
A ACv comprométese a trocar cada costavale que estea próximo a caducar por outro de igual valor nominal pero dunha nova emisión, e por tanto cunha data de caducidade posterior. Alternativamente, a entidade participante posuidora dese costavale próximo a caducar, poderá pedir a súa conversión a euros, á taxa normal. O periodo durante o que se poderá trocar por outro será o último mes antes da data de caducidade.
A caducidade será aos 2 anos, e xa que logo, cada vale levará 24/6-1=3 cuños (son 3 e non 4 porque o primeiro periodo tras a emisión non leva aínda ningún cuño: o primeiro pónselle cando transcorre o primeiro semestre):
mes 1 [emisión] | mes 2 | mes 3 |
mes 4 | mes 5 | mes 6 |
mes 7 [1º cuño] | mes 8 | mes 9 |
mes 10 | mes 11 | mes 12 |
mes 13 [2º cuño] | mes 14 | mes 15 |
mes 16 | mes 17 | mes 18 |
mes 19 [3º cuño] | mes 20 | mes 21 |
mes 22 | mes 23 | mes 24 [troco por novo vale] |
P.ex. se un vale foi emitido pola ACv o 1 de xaneiro de 2014 e ten un periodo de validez entre selos de 6 meses, durante o mes de xullo de 2014 a persoa ou comercio que o teña no seu poder nese momento debería levalo ao local da ACv a poñer o cuño ou entregarllo como pagamento a outra persoa ou entidade, que á súa vez quedaría obrigada a levalo a cuñar. Unha vez cuñado sería válido de novo ata o seguinte sementre (1 de xullo no exemplo), e así sucesivamente ata que se enchesen todos os espazos reservados para cuños (o cal cadraría coa data de caducidade final do vale), momento no cal se debería levar á ACv para retirar o vale de circulación e trocalo por outro con novos espazos libres e as súas datas de selado correspondentes.
É dicir, para ser aceptado un vale deberá ter todos os cuños ao día e aínda non ter chegado á súa de caducidade final.
Loxicamente, de todos os vales que imprima a ACv de cada vez, non todos serán postos en circulación simultaneamente, e quedarán gardados ata que alguén os solicite e entregue euros en troca. Se iso sucede p.ex. no mes 16º, no momento de emitir o vale, no momento de poñer en circulación o vale a ACv poñerá xa de partida todos os cuños que correspondan aos semestres trascorridos (neste caso, 2 cuños), sen supoñer isto custo ningún para a persoa ou entidade que desexa obter o vale.
Se pasou a data de caducidade dun vale, este non deberá ser aceptado por ningunha entidade aceptadora, nin a ACv o converterá en euros nin o trocará por outro vale. O periodo durante o que se poderá trocar por outro será o último mes antes da data de caducidade.
Se aínda non pasou a súa data de caducidade final pero si pasou a súa data de cuñaxe periódica, a ACv o poderá cuñar a solicitude da persoa ou entidade posuidora para que volva ter validez pero esta deberá pagar unha taxa fixa do 10% do valor nominal do vale por cada periodo de cuñaxe transcorrido. É dicir, no exemplo anterior, se o vale fose de 10 costavales…
- Entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño o vale é perfectamente válido e non hai que levalo cuñar.
- Entre o 1 e o 31 de xullo o vale xa non é válido pero se pode cuñar sen custo algún.
- Se aínda non se cuñou, entre o 1 de agosto e o 31 de decembro o vale segue sen ser válido e pódese actualizar o cuño no espazo reservado para o cuño de xullo, pero custaría 1 euro poñerllo.
- Se tampouco se cuña nese periodo e entramos no seguinte, no mes de xaneiro de 2015, segue sen ser válido e poderíanselle poñer os 2 cuños que precisa para volver ser válido, pero custaría 1+1=2 euros.
- Canto máis tempo pase sen actualizar os cuños menos compensará facelo: no caso de ser de 10 euros, se chegase o último periodo e non se tivese posto ningún selo habería que pagar 3×1=3 euros pero podería volverse usar para comprar algo cun valor de 10 euros, así que podería compensarlle perfectamente ao posuidor realizar esa actualización de cuños, xa que perde 3 euros pero pode mercar algo de 10 (10-3=7 euros de resultado neto). Se fose de 20 euros, como cada cuñaxe fóra do periodo normal custaría 2 euros, tería que pagar no peor dos casos, 3×2=6 euros, pero ao facelo tería un vale que aínda podería empregar durante 2 meses ata a data de caducidade por un valor de troca de 20 (resultado: 20-6=14 euros).
É importante ter claro que isto non implica ningún tipo de sobrestadía, demurrage ou oxidación dos vales, xa que se se poñen os cuños dentro de prazo, non implica ningún pagamento por parte da persoa ou entidade posuidora. O seu obxectivo é principalmente como mecanismo de control da cantidade de vales en circulación en cada momento e de vixiancia de posibles falsificacións.